A Newsletter da Facultade de Comunicación de Pontevedra sobre contidos audiovisuais e publicitarios feitos en Galicia e en galego! 👩💻
|
|
|
💣O boom do audiovisual galego!💥
|
|
|
|
|
Dende o recoñecemento internacional de "O Corno" ata o Galician Noir a industria audiovisual galega consolídase con calidade e compromiso social, chamando a atención de festivais, crítica e espectadores por todo o mundo.
|
|
|
|
Ler esta Newsletter só leva 6 minutos!⌛
|
|
|
🎬A transformación do noso cine
|
O talento dos nosos autores e autoras nunca foi escaso, mais durante a última década, o interese nas producións galegas, tanto pola crítica como polo público, non parou de crecer debido aos continuos recoñecementos recibidos en premios, festivais e a alta asistencia a salas por parte do público.
O audiovisual galego logra destacar pola súa calidade e diversidade, que abarca diferentes xéneros, formatos e temáticas, que chaman a atención internacionalmente, e atraen as plataformas dixitais que poñen a súa confianza nas nosas produtoras para desenvolver os seus proxectos.
Este aumento do interese nos profesionais técnicos e artísticos galegos tradúcese nunha maior carga de traballo, que pouco a pouco está a transformar o audiovisual galego, seguindo o camiño de consolidar unha industria estable no tempo.
Por iso, nesta edición de Feito na casa repasaremos os últimos anos do noso audiovisual, mergulládonos nalgúns proxectos de éxito e botando unha mirada máis alá das nosas fronteiras.
|
A película O Corno, de Jaione Camborda, fixo historia ao gañar a Concha de Oro no Festival de San Sebastián, un dos certames máis importantes do circuito, converténdose na primeira obra rodada en galego, e dirixida por unha muller, que consegue este galardón.
O Corno é un drama que narra a historia de María, unha mariscadora e matrona que axuda ás mulleres a abortar clandestinamente na Galicia de 1971. A película é un retrato realista, cru e belo da vida das mulleres galegas da época, que loitan por sobrevivir nun mundo hostil e patriarcal.
|
|
|
Jaione Camborda estreouse aos mandos na dirección de longametraxes en 2019 con Arima, unha producción de pequena magnitude cuxa distribución quedou minguada pola pandemia. O Corno supón un paso adiante no nivel de produción, pero aínda así encádrase no mundo dos filmes independentes, un cine que normalmente non acada moito predicamento en salas, pero que, grazas a exposición no festival de San Sebastián, a segunda película de Jaione Camborda estrenouse en 82 salas en toda España, converténdose na maior estrea dunha película en versión orixinal galega da historia, atraendo a máis de 50 mil espectadores.
O Corno é, sen dúbida, unha película que amplía fronteiras na historia do cinema galego non só polo seu recoñecemento -seleccionada tamén no Festival Internacional de Toronto e candidata a varios premios Goya- senón tamén pola súa calidade artística e o seu compromiso social. Unha obra que fortalece o audiovisual galego e consegue que as miradas se manteñan firmes no noso audiovisual.
|
|
|
|
O 2023 non remata con O Corno. Non fai falla buscar moito para atopar outros proxectos relevantes como é o caso de Matria, dirixida por Álvaro Gago. Nada como unha curtametraxe - gañadora do premio do xurado no Festival de Cine de Sundance- o proxecto medrou ata converterse nun filme que se presentou na Berlinale, pasou polo Festival de Málaga e aspira a gañar o Premio Goya a Mellor Actriz Protagonista polo traballo de María Vázquez e a Mellor Director Novel.
As series tamén tiveron o seu protagonismo nos últimos anos. Moitas son as producións que teñen levado a cabo as produtoras galegas para as plataformas de streaming, que cada ano enchen o calendario de rodaxes. O caso de Augaseca é paradigmático. Orixinalmente producida por Portocabo para a TVG e a RTP portuguesa, trátase dun thriller policíaco sobre o tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial.
Despois da súa emisión en Galicia, os seus dereitos para toda España foron adquiridos HBO, converténdose na primeira serie na plataforma en versión orixinal en galego da historia.
|
En marzo de 2021, o xornal británico The Guardian publicou un artigo titulado: “O galician noir galego: como un recuncho chuvioso de España xerou un novo xénero televisivo”. Nel, falan de como a autenticidade das vilas galegas e a paisaxe, sumado ao talento local, proporcionan un escenario ideal para os dramas criminais, que fascinaron as plataformas de streaming.
Este artigo, que menciona series como Auga Seca, O sabor das Margaridas -éxito en Netflix no Reino Unido- ou El desorden que dejas, é o claro exemplo de que o mundo mira a Galicia cando as nosas producións consenguen traspasar as fronteiras.
A transformación do audiovisual galego é un feito. Se voltamos a mirada tan so 15 anos atrás o panorama era ben diferente e ninguén preferiría aquel escenario. Pouco a pouco conseguimos crear unha rede de produtoras que cando tiveron a oportunidade de desenvolver proxectos importantes deron a talla grazas ao talento dos profesionais galegos. Soamente queda continuar traballando para consolidar, aínda máis, a industria audiovisual galega, e que goce de saude e éxitos por moitos anos.
|
|
|
|