A Newsletter da Facultade de Comunicación de Pontevedra sobre contidos audiovisuais e publicitarios feitos en Galicia e en galego! 👩💻
|
|
|
Si, podes escoller o galego como lingua para a túa marca
|
|
|
|
|
Decidir que o galego sexa a lingua vehicular dunha marca en moitos casos non é unha decisión casual, senón que fala de cuestións como a identidade cultural da compañía, do poder de conectar coa audiencia, e da súa responsabilidade social.
|
|
|
|
Ler esta Newsletter só leva 4 minutos!⌛
|
|
|
O galego: ferramenta de creación
|
Como contábamos en anteriores edicións de Feito na Casa, o primeiro anuncio en galego foi o de “máquinas pra coser” da empresa americana Singer, publicado no periódico O tío Marcos d’a Portela en 1876. Podería dicirse que Singer foi a primeira compañía en entender que comunicar en galego, en Galicia, é unha forma estupenda de conectar co teu público obxectivo.
Tomar a decisión de comunicar en redes sociais en galego, facer campañas en galego ou mesmo etiquetar os produtos en galego non é só unha cuestión casual sobre a identidade ou personalidade da marca, senón que ademais é unha forma de responsabilidade social, xa que estamos a falar da normalización da lingua no sector publicitario.
Raquel Boo, deseñadora galega, nun artigo para a Asociación Galega de Deseño, destacaba que o publicitario é un sector cunha historia moi recente en Galicia, en constante cambio, pero que fai moi poucos anos que tomou conciencia da “variable da lingua”. Por sorte, cada vez son máis as marcas que, igual que a americana Singer en 1876, comprenden o galego como ferramenta de creación, sendo, en palabras de Boo, “unha das maiores vantaxes competitivas que teñen os creativos de Galicia, cun amplísimo abanico de recursos que non foron explotados comercialmente e coa capacidade de ser o mellor transmisor de identidade para contribuír ao legado patrimonial que supoñen as nosas marcas”.
|
|
|
Comunicando (e etiquetando) en galego
|
Como sinala Raquel Boo no seu artigo, en Galicia, o sector vitivinícola foi un dos primeiros en valorar a posibilidade de etiquetar os produtos en galego, pois supón unha maneira máis de enaltecer e destacar a orixe das uvas, xa que no sector a “galeguidade” é un selo de calidade. De feito, existen os Premios Bacelos de Prata, constituídos precisamente coa intención de premiar ás bodegas que etiquetan e publicitan os seus viños en galego (aínda que agora tamén premian a produtores doutros sectores alimentarios), impulsando así o proceso de normalización da lingua. Na edición do 2023 as entidades galardoadas polo seu uso do galego foron Adega Tapias Mariñán e Leite noso (Deleite), demostrando unha vez máis que o galego si pode ser a lingua vehicular da túa marca.
|
|
|
|
Sen dúbida, o sector alimentario galego é o que máis claro o ten. Son moitísimas as marcas coñecidas que etiquetan e comunican en galego. Quen non coñece, por exemplo, Leite Larsa? Pois non só etiquetan en galego, senón que tamén é a lingua que empregan nas súas redes sociais.
|
|
|
Unha cuestión de identidade
|
A responsabilidade de comunicar e producir en galego é tanto das propias entidades e marcas como das axencias e futuros profesionais da publicidade, pero tamén dos consumidores. Consumir produtos que escollen o galego como lingua vehicular, tanto para as súas comunicacións como para o etiquetado dos seus produtos (ou para o deseño en xeral, como e o caso da coñecidísima rei zentolo no sector téxtil), é unha forma de dicir “si, podes empregar o galego e quero que o fagas”.
Como clientes debemos premiar ás marcas que o escollen, e como profesionais (ou futuros profesionais) debemos considerar a posibilidade de escoller o galego, pois é unha opción válida e con moitos beneficios, empezando pola diferenciación, pasando polo arraigo emocional e rematando pola preservación do idioma.
Comunica, consume e demanda galego!
|
|
|
|