A Newsletter da Facultade de Comunicación de Pontevedra sobre contidos audiovisuais e publicitarios feitos en Galicia e en galego! 👩💻
|
|
|
|
A webserie galega, terreo fértil para novos talentos 🎥
|
|
|
|
|
Formato audiovisual popularizado na última década que se converteu nun espazo de liberdade e creatividade para xoves creadores e creadoras. Hoxe repasamos a historia da webserie galega.
|
|
|
|
Ler esta Newsletter só leva 9 minutos!⌛
|
|
|
Unha revolución para o talento audiovisual
|
O termo webserie co paso do tempo volveuse difícil de definir. En termos estritos, unha serie web non é máis que unha produción audiovisual seriada, de ficción ou documental, que se distribúe a través de internet. Fai non demasiado tempo esta definición sería dabondo, pero hoxe en día, baixo este paraugas tamén terían cabida as producións de Netflix, non si?🤔. Polo que deberemos afondar un pouco máis.
As webseries levan consigo un espírito underground, de baixo orzamento e de liberdade máxima para xogar cos formatos, xéneros e duracións, que non se atopa nas series de televisión tradicionais.
Aparecen como consecuencia da democratización da produción audiovisual: non só os equipos de gravación son máis asumibles senón que por primeira vez existe a posibilidade de distribuír os proxectos de forma sinxela, chegando a un público potencial moi amplo de forma gratuíta, algo impensable ata a aparición de internet e o vídeo baixo demanda.
|
Estas características fan da serie web un formato idóneo para os creadores noveis que atopan nelas un lugar no que desenvolver o seu talento sen restricións de ningún tipo, comezando asi a súa carreira no sector audiovisual.
Por se fora pouco a aparición de festivais adicados a este formato como o Carballo Interplay, pioneiro en España, e a aparición da categoría á Mellor Serie Web nos Premios Mestre Mateo, rematou de darlle o sentido ao formato outorgándolle o recoñecemento merecido.
Deste xeito, as series web en Galicia convertéronse, por unha banda, nun recuncho do audiovisual no que os creadores poden expresarse sen ataduras e, por outra, confirmáronse como canteira produtora de novos talentos.
|
🤩Creatividade a moreas e moitas risas
|
A cantidade e variedade de series web galegas é moi extensa e gozou de moita saúde durante a última década. Sen dúbida, o sentido do humor estivo moi presente nas producións, pero tamén temos exemplos con temática social, intriga ou histórica.
Collede flocos de millo 🍿 porque a partir de agora a diversión está asegurada. Aquí vos compartimos algúns exemplos:
|
Galicia Crime é unha webserie de humor absurdo dirixida por Victor Grande e protagonizada por Oswaldo Digón, que segue as aventuras do detective Dowson e o sarxento Pillei arrestando criminais ao longo dos Concellos Unidos, en especial na cidade máis importante, Carballork.
Acadou o Premio Mestre Mateo no 2017.
|
Cacola é unha serie de animación de humor protagonizada por excrementos que descobren o mundo unha vez se somerxen nas augas dun retrete.
O seu autor é David Fidalgo Homil, nomeado a un premio Goya a Mellor Curtametraxe de Animación por Homomaquia, 2019; foi gañador do Mestre Mateo á Mellor Curtametraxe de Animación por Sandwitch Cat, 2022.
|
Nesta serie, Pedro Brandariz adopta unha nova identidade, Peter Brandon, un cómico galego de 40 anos que quere dar o paso definitivo cara o éxito na comedia, facerse co público novo e chegar a conseguir o seu soño de presentar un late night na TVG grazas ao seu novo estilo de comedia.
Gañadora do premio Mestre Mateo 2018, galardón que repetiría o seu protagonista Pedro Brandariz en 2022 coa serie web Mataría MicroSerie.
|
Premiada no Carballo Interplay no 2014 e 2015 á Mellor Serie en V.O. Galega, a serie de sketchs de humor do “colectivo arterrorístico” Poetarras, formado por Rubén Lino, Manuel Gago e Daniel Vilaverde chegou a acadar gran popularidade no seu momento.
|
|
|
Esta Serie web dirixida por Belén Puime retrata a vida das estudantes universitarias galegas a través de tres compañeiras de piso que abren o seu diario persoal para repasar situacións da súa vida como o primeiro amor e o sentimento de non pertencer a nada.
Gañadora do “Mellor proxecto de serie web” do Carballo Interplay de 2022, pode ser vista na plataforma Filmin.
|
✨Fillas da Facultade de Comunicación
|
Os muros enladrillados da nosa Facultade de Comunicación foron o berce de moitos proxectos levados a cabo polos alumnos que ano tras ano demostraron a súa creatividade.
Algúns destes proxectos foron Dalle Jas, Interfecto, @Destapando_Casares ou Fame, que acadou o premio Mellor webserie V.O. galega no Carballo Interplay 2015.
|
|
|
Unha produción prolífica 🤯
|
Estas son só algunhas das moitas webseries en galego que se produciron na última década, pero non son as únicas e, cada ano, coa chegada de novas xeracións aparecen novos talentos con historias e formatos novidosos e o número multiplícase exponencialmente. Algunhas delas son as seguintes: Delicias Amargas, Xan, As cousas do choio, Os 20 do XX, Teño unha horta en san Sadurniño, Hai vida en Bran ou Amnesia 3.0.
Ademais, en Galicia producíronse outras moitas series web que están repletas de talento e profesionais da terra, aínda que utilicen o castelán na súa versión orixinal. É o caso de Entre Pipas, con Luís Zahera e Xulio Abonjo, Clases de lo social, El Método Sueco ou Dinosaurio, entre outras.
|
🏆 As series web e a industria galega
|
Durante toda esta newsletter vimos mencionando continuamente o festival Carballo Interplay e os Premios Mestre Mateo e isto ten unha razón moi concreta: son os dous únicos eventos que dignifican á produción de series web en Galicia. Grazas a eles pechase o círculo en canto á creación destes contidos e funcionan como axente visibilizador do talento galego emerxente.
Ao tratarse dun festival adicado específicamente aos contidos dixitais, é de especial relevancia o Carballo Interplay. Trátase dun evento pioneiro, non só en Galicia senón tamén en España, que dende o ano 2015 achega webseries nacionais e internacionais ata esta vila da costa da morte xunto con numerosas personalidades e plataformas do mundo dixital.
|
O caso dos Premios Mestre Mateo é relevante polo seu papel institucional, xa que os organiza a Academia Galega do Audiovisual. Dende o 2012, ano de inauguración do Premio á Mellor Serie Web, foi posible á inclusión destas producións na industria galega.
|
Queda claro, entón, que os novos profesionais do audiovisual galego atoparon nas webseries un formato no que desenvolverse, pero atrevémonos a dicir que os mellores momentos están por vir.
Os avances tecnolóxicos continúan a democratizar o equipos de gravación, o que posibilita a creación de series con maior nivel de produción técnica, que era sen dúbida o gran talón de Aquiles das series web.
Con todo isto a favor, o único que queda é a creatividade, e diso nunca nos faltou, polo que se non vos quedan flocos de millo, collede máis porque espéranos entretemento para rato.
|
|
|
|