A Newsletter da Facultade de Comunicación de Pontevedra sobre contidos audiovisuais e publicitarios feitos en Galicia e en galego! 👩‍💻

 

💥 A revolución mediática galega: o poder dos contidos dixitais💥

 

Os medios de comunicación dixital producidos en Galicia están a acadar a atención de  moitos galegos e galegas. Proxectos como Vinte, Ou ke! ou GCiencia enriquecen un panorama mediático que pouco a pouco evoluciona coa aparición de novas plataformas.

 

Ler esta Newsletter só leva 9 minutos!⌛

 

📰💻 A evolución dos medios: do papel ás redes 

O galego é unha lingua rica e viva que forma parte da identidade cultural de Galicia, polo que a existencia de proxectos como os que vimos relatando nas anteriores edicións desta newsletter nos ámbitos da cultura, do cine ou da publicidade son fundamentais para manter e mellorar a súa saúde.

 

Pero para poder garantir que estes proxectos poidan chegar ao público é fundamental a labor dos medios de comunicación, os cales son unha pata máis que contribúe a manter viva a nosa cultura. A súa trascendencia pon de manifesto a necesidade de que estes medios se expresen en galego.

 

Decatouse disto o autor e xornalista Valentín Lamas Carvajal, que en 1876 fundou O Tío Marcos dÁ Portela, o primeiro semanario escrito íntegramente en galego, chegando a ser moi popular ata 1890. Este xornal non so serviu de soporte ás novas do día a día na Galicia de finais do século XIX se non que tamén acollía poemas, contos, cantigas e textos dos principais autores do Rexurdimento. 


Dende a súa primeira edición en Ourense ata os nosos días, pasaron case 150 anos. O mundo xa non é o mesmo e os medios tampouco. Por iso, cando falamos de medios de comunicación xa non só pensamos en periódicos impresos ou en informativos de televisión. As redes sociais e os contidos en internet arrebataron gran parte da atención que acaparaban os medios tradicionais. O éxito dos medios dixitais é consecuencia dos cambios nos hábitos de consumo, que propiciaron unha evolución dos formatos nos que se soportaban ás novas e a cultura galega, mais a súa función continúa a ser a mesma: contar o que está a pasar.

 

📲📻A diversidade da comunicación en galego

Os medios de comunicación dixital son unha fonte de información cada vez máis utilizada e valorada polos galegos. Segundo Metroscopia, Fundación AXA e Periodismo 2030, despois da televisión, os medios dixitais e as redes sociais son os preferidos polos galegos para informarse, polo que a atención do público está asegurada.

 

En formato escrito, en vídeo ou mediante a imaxe, xa non hai límites para a creatividade informativa. Eso si, queremos poder acceder a ela en galego, e grazas aos proxectos que se están levando a cabo dende hai anos, xa é máis que posible.

 

Temos diversidade temática e diversidade de formatos. Dende medios informativos nativos de Instagram ata propostas multiplataforma. Cultura, ciencia ou política local, en Galicia e en galego estanse a facer contidos de todo tipo, enriquecendo o panorama mediático e facendo a diferenza. Hoxe vos compartimos algúns exemplos:

Vinte

Vinte é unha revista dixital que naceu en 2018 para amosar a sociedade, a cultura e as tendencias de Galicia. Forma parte do xornal Praza.gal e en poucos anos converteuse nunha publicación de cabeceira para moitos galegos apaixoados da cultura.

 

A súa aposta polos contidos dixitais en galego é moi ampla. Dende reportaxes, como Vinte en Ruta, unha serie con diferentes rutas paisaxísticas e gastronómicas da provincia da Coruña, a espazos multimedia para a xuventude como Vinte no patio, con xogos ou vídeos.


Ademais, tamén se estenderon ao mundo dos podcasts con Violentos anos Vinte ou Café Derby 21, así como a Youtube onde publican entrevistas, reportaxes ou series web como Os do XX, que repasa a sociedade galega de fai 100 anos.

 
 

Ou ke!

Ou ke! é un medio de información local da cidade de Ourense de recente creación. Dirixido por Ivan Iglesias, exalumno da facultade, están a cubrir a política local da cidade, dende unha perspectiva xove creada para a mocidade desta provincia.

 

Están presentes en Instagram, Twitter, Twitch, Youtube e Facebook e nos seus poucos meses de vida teñen organizado entrevistas e debates cos candidatos á alcaldía da cidade, formatos de debate en directo e seguemento da actualidade da cidade. 


Sen dúbida trátase dun proxecto que está entendendo á perfección á comunicación actual, adaptando a información aos canles que máis atención teñen hoxe en día e marcando un precedente.

 
 

GCiencia

GCiencia é un medio de comunicación e divulgación científica feito en Galicia. Informan sobre a actualidade nos campos da ciencia, a tecnoloxía, a saúde ou a natureza a nivel mundial en galego. É un exemplo da pluralidade de contidos que podemos encontrar na rede na nosa lingua.


Ademais, tamén apostan polo formato en vídeo a través da súa canle de Youtube, e polos podcasts, producindo varios programas como O descodificador, A Ciencia de ida e volta ou O ano da pandemia, gañador do Premio Somos Esenciais do Colexio de Xornalistas.

 
 

Somos Cultura

Somos Cultura é un medio de difusión dixital da cultura galega que naceu como un proxecto de alumnos na facultade e que continuou o seu camiño ata conseguir a día de hoxe 15k seguidores en Instagram.


Música, streamers, influencers, podcast, noticias e cine son os temas centrais que ocupan as súas publicacións. O ton na súa comunicación céntrase moito no meme, formato que explotan en todas as súas redes sociais.

 
 
 

📺O papel da CRTVG

Por suposto, se falamos de medios de comunicación en Galicia non podemos esquecer a CRTVG, xa que desempeña un papel fundamental na produción de contidos en galego. 

 

Se ben se trata dun medio esencialmente tradicional, leva un tempo mostrando certo interese polos contidos dixitais e incluso comezando a producir contidos directamente para as redes sociais e plataformas. 

 

O caso máis coñecido é o do Dígocho EU, presentado por Esther Álvarez, e presente en múltiples redes como Youtube, Instagram ou Tik Tok, traballan a mellora da competencia en galego a través do humor. Pero este non é o único, pois tamén se están a producir podcast moi interesantes como Pararse da raia onde Alberto Mancebo navegará polo Miño repasando as historias dos arraianos e as conexións máis singulares entre Galicia e Portugal. Son soamente un par de exemplos pero podes consultar máis nesta ligazón.

Ademais, o ano pasado a Televisión de Galicia publicou a maior convocatoria para a produción de proxectos nativos dixitais en galego da historia. O que suporá a produción de moitos contidos de ficción, humor, divulgación, educación e cultura que verán á luz nos próximos meses.

 

Por estes movementos, parece que o mundo dixital está comezando ensinar a cabeza na CRTVG. O certo é que, como organismo público, posúe a influencia e orzamento necesarios para producir unha ampla variedade de contidos que se poderían distribuir a través das plataformas dixitais, así como adaptar os tradicionais ás novas linguaxes de internet. 


Os pasos dados ata agora son o inicio dun camiño que semella moi prometedor se se conclúe a aposta e se conta co talento galego.

 
 

🎥🌐Unha nova era nos medios de comunicación galegos

Está claro que a forma de contar as cousas mudou co tempo, así como as propias plataformas nas que se contan. As redes sociais e os contidos dixitais chegaron para quedarse, e os profesionais da comunicación galegos souperon adaptarse aos novos tempos de formas moi diversas.

 

Como dicíamos ao comezo, os medios de comunicación desempeñan un papel crucial para manter e promover a cultura galega, polo que adaptalos ao noso antollo é unha moi boa xogada.


Ademais, estos novos soportes están a propiciar unha democratización da comunicación e da cultura, permitindo a aparición de novas voces que na actualidade xa gañaron popularidade e se converteron nunha fonte de información e entretemento importante para os galegos. Pola súa banda, os medios tradicionais están dando os seus primeiros pasos para adaptarse á contorna dixital, mais ainda lles queda moito camiño por recorrer.

 
 
 
Facebook Twitter Instagram