A Newsletter da Facultade de Comunicación de Pontevedra sobre contidos audiovisuais e publicitarios feitos en Galicia e en galego! 👩‍💻

 

A publicidade galega tamén leva (e outorga) premio!🏆

 

En Galicia non só creamos campañas premiadas a nivel mundial, senón que tamén recoñecemos e celebramos o talento local cos nosos propios premios.

 

Ler esta Newsletter só leva 5 minutos!⌛

 

Os premios paraugas🌂

En Galicia non só levamos premios coas nosas campañas e axencias, senón que tamén premiamos o talento e a creatividade na casa. Dende fai oito anos, os premios da publicidade galegos por excelencia, organizados polo Cluster de Comunicación de Galicia, son os Premios Paraugas.


Estes premios, celebrados en Ferrol na edición do 2023, buscan dar recoñecemento ás mellores campañas de comunicación, márketing, publicidade e deseño levadas a cabo por axencias e publicistas galegos. 


Os premios teñen seis categorías diferentes cos seus respectivos premios:

  • A categoría de impresión, co premio ao mellor traballo de impresión en papel, o premio ao mellor traballo en gran formato e o premio ao mellor packaging.
  • A categoría de deseño, co premio ó mellor deseño gráfico, ó mellor deseño industrial e de produto e ó mellor deseño dixital.
  • A categoría de creatividade, cos premios á mellor idea, á mellor campaña, á mellor produción (Craft) e á mellor campaña de impacto positivo.
  • A categoría de márketing, co premio á mellor estratexia de márketing, á mellor acción de branding, á mellor activación de marca e ao mellor uso de Social Media.
  • A categoría de comunicación, co premio á mellor estratexia de global de comunicación e o premio á mellor práctica/estratexia na comunicación de responsabilidade social empresarial.
  • A categoría de eventos, co premio ó mellor festival e ó mellor evento.



Ademais, teñen dous premios especiais, o Premio Paraugas de Ouro e o Premio Paraugas Novos Talentos. O primeiro busca recoñecer á candidatura que destaque de maneira significativa nalgún aspecto respecto ás demais, mentres que o Premio Novos Talentos naceu no ano 2023 para servir de canle para visibilizar e promover o talento das novas xeracións, sendo unha gran ocasión para mostrar ao mundo o talento das novas axencias e profesionais da publicidade.

 
 

Campañas e profesionais galegos premiados polo mundo

 

Damos premios e recibimos premios, pero non só en Galicia. As campañas galegas e os profesionais da publicidade galegos reciben galardóns ao longo de todo o mundo!

 

En 2022 os galegos Roberto Núñez e Xosé Teiga competiron nun dos premios de publicidade máis prestixiosos do mundo, os ADC Awards de New York, na categoría de Brand/Communication Design na modalidade de póster cos seus traballos para o 60 aniversario da Asociación de Directores de Arte e deseñadores.

 

Tamén en 2022, Estrella Galicia, obtivo a prata no Festival el Ojo de Iberoamérica de Bos Aires coa súa campaña en galego Prohibido baixar os brazos. R foi a vencedora na sección Print dos Premios WINA celebrados en Dubai por Noticias incribles do Combo Infinito levada a cabo pola axencia galega Quattro idcp. E no mesmo ano, a axencia Nasas de A Coruña gañou dous premios no AdForum de París cunha campaña para o concurso de microrrelatos de Gadis e cunha acción para o Día das Letras Galegas.

 
 

Xa no 2023, Catarina Barcala, galega de A Estrada, participaba nos Cannes Lions Festival of Creativity, os “Oscar da publicidade”, na categoría Young Lions cun anuncio realizado para a ONG Creative Ladder.

 

Estes son só uns pouquísimos exemplos dos últimos anos, pois cada vez son máis os galegos recoñecidos internacionalmente no sector da publicidade.

 
 

Os premios non o son todo! 🏅

Por suposto, os premios non o son todo, sen embargo, son unha excelente oportunidade para as creativas e creativos galegos, ademais tamén permítenos ao resto coñecer o que se está a facer en Galicia, xa que as veces non é fácil estar ao día de toda a actualidade publicitaria galega e moitas campañas escápansenos! Animámosvos a revisar a lista de finalistas e gañadores de premios como os Paraugas, pode ser un xute de motivación e inspiración para moitos.


En Galicia, ao longo dos anos, tivemos diferentes premios e festivais de publicidade, algúns sobreviviron no tempo, como os Paraugas ou os Premios de Publicidade en Galego, e outros foron quedando no tinteiro. Quizais as novas xeracións de creativos e creativas podan ter a oportunidade de crear novos premios, diversos e diferentes, que tamén sirvan de plataforma para amosar a realidade da publicidade en Galicia!

 
 
Facebook Twitter Instagram