A Newsletter da Facultade de Comunicación de Pontevedra sobre contidos audiovisuais e publicitarios feitos en Galicia e en galego! 👩💻
💻Creadores de contido en Internet: tamén en galego📱
As redes sociais acollen dende fai xa máis de dez anos aos que agora coñecemos como “creadores de contido” ou influencers, perfís que ofrecen entretemento de todo tipo e cos que moitas marcas colaboran para o coñecido como “márketing de influencia”. Por suposto, isto tamén pasa en Galicia e en galego!
Ler esta Newsletter só leva 4 minutos!⌛
Creadores de contido galegos
Contidos, contidos, contidos! Pasamos moitísimo tempo consumindo entretemento en redes sociais, polo que é unha realidade que se trata dunha canle estupenda para o proceso de normalización da lingua galega. Igual que no resto do país, en Galicia tamén existe unha comunidade de creadores, cada vez máis ampla, que se dedican a facer contidos, e algúns deles o fan en galego.
Na comunidade de creadores galegofalantes temos diferentes temáticas de entretemento, dende humor ata divulgación cultural. Hoxe, en Feito na Casa, recomendamos algunhas contas de creadores que comunican en galego:
- O arquivo das trasnas: contidos sobre literatura galega, dende as figuras históricas ata as referentes actuais (Instagram e TikTok).
- Maza da horta: recensións literarias e contidos sobre o sector literario en xeral.
- Sara Seco Rial: contido de lifestyle e vlogs.
- Surfeandolibros: recomendacións de libros en galego e castelán por unha galegofalante.
- Neeumatiko: divulgación cultural e social.
- Rodri Míguez: divulgación sobre festivais e música en galego.
- Malva: contido humorístico, situacións da vida cotiá e idiomas.
- Olaxonmario: contido divulgativo de todo tipo, vídeos de opinión e cultura.
- Konachadas: «retranca consciente», cultura, comercio local galego, etc.
- Orgullo galego: a comunidade en Instagram en galego con maior número de seguidores.

Animámoste a compartir coa túa comunidade en redes sociais os perfís de creadores e creadoras galegofalantes que sigas e que máis che gusten. Desta forma, contribúes á difusión da lingua e facilitas que outros usuarios descubran novos contidos en galego.
Márketing de influencia: tamén en galego
Que é o márketing de influencia? Pois trátase dunha das técnicas publicitarias máis popularizadas nos últimos anos, na que as marcas seleccionan aos líderes de opinión (influencers) para promover un produto, servizo ou evento. O consumidor percibe este tipo de publicidade dunha maneira máis orgánica e espontánea, polo que ten unha maior predisposición a recibir a información.
O certo é que neste campo aínda queda moito por explorar, posto que, aínda que os influencers galegofalantes tamén ofrecen oportunidades para o márketing de influencia, non son moitos os que teñen colaborado neste tipo de accións. Un exemplo foi Pablo Meixe, que aínda que non crea contido en galego habitualmente, si o empregou para promover a campaña da Xunta de Galicia “Vai de Peixe” en 2022. Na mesma campaña tamén colaborou a tiktoker Paula Jorge, que ademais sempre comunica en galego.
Unha comunidade cada vez máis diversa, pero moito por facer
O que non se pode negar é que hai creadores galegofalantes, e cada vez máis! Por desgracia, aínda non son todos os que nos gustaría nin teñen todo o alcance que deberían. Isto dalgunha forma tamén é responsabilidade das propias plataformas, posto que favorecen os idiomas maioritarios.
No caso de TikTok, en 2021 vetaba unha campaña da Xunta de Galicia por ser en galego. Polo visto, a plataforma só permitía campañas e contidos publicitarios nun idioma por territorio, no caso de España, só en castelán. Sen embargo, en 2023 a Xunta abriu a súa propia conta de TikTok comunicando integramente en galego, polo que suponse que a plataforma cambiou a súa política.
Queda moito por facer pero o camiño é o correcto, polo que esperamos que co tempo a lingua de Galicia inunde as redes sociais de contidos. Para que iso pase non queda outra que: consumir contidos en galego!