No marco dos traballos postos en marcha nos últimos tres anos para a actualización do Plan de Estudos do Grao en Publicidade e Relacións Publicas da Facultade de Comunicación, considérase de grande importancia contar co punto de vista do sector profesional. Deste xeito, en procesos anteriores contouse co apoio explícito, mediante cartas, de axencias e entidades do sector que entenderon a adecuación e idoneidade da proposta.
Neste novo proceso, é preciso poñer en valor eses apoios e tentar debater co sector a adecuación da proposta académica. Para esa posta en valor apóstase polo formato de xornadas coa presenza da maior diversidade posible de representantes do sector profesional ao que, segundo a documentación existente, habilitaría o título de Grado en Publicidade e Relacións Públicas.
O obxectivo é que se debata sobre o futuro da profesión en xeral e sobre as necesidades formativas das e dos profesionais en Publicidade e Relacións Públicas en particular.
A xornada desenvolverase ao longo dun día na Facultade de Comunicación, onde se agarda que estean presentes os e as profesionais referidos e que se converta nun evento aberto ao profesorado e no que tamén se conte coa voz directa do estudantado, implicado na asistencia, pero tamén na organización.