GUÍA BÁSICA DO PROCESO DE INTERCAMBIO

Esta guía ten como obxectivo guiar aos estudantes no proceso de intercambio entre universidades da facultade de CC. Sociais e da Comunicación de Pontevedra. Hai un documento de preguntas frecuentes (FAQ) que podes consultar para aclarar dúbidas.

Realizar un intercambio de estudos é unha gran oportunidade para adaptar o teu currículo académico aos teus gustos e necesidades e axuda a diferenciarte nun mercado laboral cada vez máis esixente.

Pasos a seguir no proceso de intercambio

1. Le as pasadas convocatorias de intercambio na páxina web de ORI (Erasmus +, ISEP, Bolsas Propias …) e SIOPE (para o programa SICUE entre universidades españolas), para ter unha orientación xeral do tipo de bolsas existentes, dos destinos ofertados, requisitos, datas, etc.

2. Busca información nas páxinas web dos destinos para decidir as que máis che interesan (país, idioma, materias ofertadas…ATENCIÓN! Comproba o contido, non te quedes só co nome do tema), quizáis teñas que enviar algún correo electrónico para obter esta información. É unha boa idea preguntar aos estudantes que xa estiveron nos destinos. Cando saia a convocatoria, sigue ao pé da letra as bases da mesma.

3. Cando che notifiquen a obtención do intercambio, debes cumprir os trámites da Universidade de destino e os da Universidade de Vigo. O máis importante é o contrato de estudos (Learning Agreement, LA), tes que telo asinado polo
Responsable de Intercambio da Facultade antes de marchar ao teu destino e sempre antes do 30 de maio.

4. Matricúlate na Universidade de Vigo nos prazos correspondentes. Deberás indicar na Secretaría de Alumnos o teu carácter de estudante de intercambio. As materias nas que te matriculas e non apareces na LA serán consideradas presenciais e cursaranse na Universidade de Vigo. Comproba que está correcto. En caso contrario, comunícao á Secretaría de Alumnos.

5. Antes de ir ao teu destino, deixa autorizado por escrito a unha persoa de confianza para realizar trámites presenciais que non podes facer cando esteas fóra.

6. Unha vez no destino, tes a oportunidade de facer cambios excepcionais na LA orixinal (por exemplo, problemas de horario) nos 30 días seguintes ao comezo do semestre, tanto o primeiro como o segundo. Debes solicitalo ao Responsable de Intercambio da Facultade de CC. Sociais e da Comunicación de Pontevedra por correo electrónico e recibirás máis instrucións.

7. Ao finalizar a túa estadía, unha vez rematados os exames no destino, asegúrate de que a Universidade de destino te proporcione o expediente académico (Transcrip of Records, ToR) que entregarás ao Responsable de Intercambio da Facultade de CC. Sociais e da Comunicación de Pontevedra, que xunto coa LA iniciará o recoñecemento. Se o expediente académico se envía aos Servizos Centrais ou á Secretaría de Estudantes, remitirano ao responsable do Programa de Intercambio da Facultade de CC. Sociais e Comunicación de Pontevedra.